Sincategorema

|MANUEL REGUEIRO TENREIRO |

OPINIÓN

12 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

RESULTA curioso, ás veces, como evolucionan as palabras no seu uso ó longo do tempo. Así é o caso do emprego dos termos sincategoremáticos. Na lóxica -xa desde os tratadistas estoicos e tamén dos sunmulistas medievais- son vocábulos que en solitario carecen de categoría (de significación propia), por exemplo se... entón , ou... ou , e, logo , etcétera. Polo tanto, adquiren categoría dentro dunha proposición: se chove, entón leva paraugas . Tamén collen significación en contextos (interrogativos, exclamativos) determinados: entendémonos ¿ou? Na actualidade as expresións sincategoremáticas acadaron dous novos usos: un, introductorio dun discurso (declaración), e, outro, para facer de selo (definición) dunha maneira de ser e de dicir moi persoal. Tal sucede coa maneira de expresarse dalgunha personaxe pública que popularizou eses novos usos dos termos sincategoremáticos. Un dos paradigmas deste uso novo é Raúl González (futbolista do Real Madrid) quen normalmente introduce o seu discurso cun conxunto sincategoremático: sí, bueno, no . Ó mesmo tempo eses introitos parlamentares son un selo (un corimbo) distintivo da personaxe que está a falar, son propios unicamente del. Polo tanto, cumpre que lle agradezamos este xeito de expresarse, que, ademais, rexenera unha tradición da lóxica. Non se confunda un termo sincategoremático con sons emitidos reiteradamente na fala, e sen cometido ningún -se lles chama muletiñas ( muletillas en castelán)-, porque tales locucións inexpresivas e/ou dubitativas nunca adquiren función lóxica e degradan o discurso.