AS DECLARACIÓNS do único supervivente do atentado contra sete espías españois en Bagdad teñen un elemento tan novelesco que deixan en segundo termo algúns outros que merecerían maior atención. Mentres os compañeiros van morrendo baixo as balas e granadas que caen sobre eles, Xosé Manuel cruza a estrada para pedir axuda. Consegue chegar a uns matorrais perto dos primeiros coches que se detiveron para contemplar pasivamente o espectáculo do atentado. Trátese de xente que sae dos oficios relixiosos que tiveran lugar nunha mezquita próxima. Algúns dos observadores achéganse a el e rodéano. Un arríncalle a medalla que leva ó pescozo, outros comezan a golpealo. Quítanlle o arma -que afortunadamente está atrancada- apúntano con ela, tratan de atalo e de metelo no maletero dun dos coches aparcados. E de súpeto un home, elegante, delgado, moi ben vestido, achégase a el e dalle un bico na meixela, sinal de amizade no mundo árabe. Entón as mans agresivas tórnanse amigas e os mesmos que antes o agredían axúdanlle a meterse nun taxi e a saír dalí. A sucesión de feitos favorables que permitiron a supervivencia de Xosé Manuel distrae a atención doutros aspectos. O primeiro é o odio da poboación civil, que non só non axuda ós agredidos senón que se converte en agresora tan pronto as circunstancias llo permiten: os asistentes á mezquita pasan espontáneamente de espectadores a activos colaboradores dos que para eles son guerrilleiros. O segundo é que a situación acabou ben gracias á intervención dun home iraquí respectado polos seus concidadáns. Se o supervivente fose americano quizais este feito tería algunha repercusión. Quizais levaría a pensar ós que teñen poder para cambiar as cousas que o camiño a seguir non é repetir o que xa fracasou en Vietnam; que o salvador, o que pode conseguila paz, ten que ser alguén que os propios iraquís respecten e estimen. Desgraciadamente só era un pobre espía español e nin a súa morte nin a súa salvación lle importan nada ós que teñen o poder de enmendar os erros.