Monos constitucionais

OPINIÓN

17 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

DESCARTES PENSABA que os monos eran tan intelixentes coma os homes, pero que disimulaban para non ter que traballar. É dicir: que non eran igual de intelixentes, senón máis intelixentes. A sospeita persistiu. Sobre todo desde que Darwin revelou que o parentesco existía e por revelalo tivo que padecer insultos de todas clases, mesmo o máis estraño: que lle dedicasen unha marca de anís (anís El Mono, onde o sabio figura na etiqueta, neciamente retratado coma un simio). Agora, o cantante e activista Peter Gabriel dálle a volta ó argumento darwiniano e di que, se o home ten algo de simiesco, o simio debe ter, por forza, algo de homínido; e por iso pide que os monos poidan disfrutar dalgúns dereitos constitucionais. A situación dos simios é certamente intolerable. Os simios, como todos os animais, viven aínda, por dicilo dalgunha forma, no Franquismo: sen liberdades e ata sen Constitución. Gabriel non propón, por suposto, concederlles plenos dereitos e acabar nos excesos de O Planeta dos simios . Non se trata de facelos electores e elixibles (aínda que sospeito que a composición dos parlamentos pouco había variar). Non. Sería garantirlles uns mínimos, algo así como un aperturismo dos primates, un pouco o que foi o «espíritu del doce de febrero» de Arias Navarro (quen era tamén, e que me perdoe, un pouco como un argumento dar-winiano personificado). Paréceme ben. Pero o eu faríalle notar a Peter Gabriel é que, ultimamente, somos as persoas quen temos algunhas dificultades cos nosos dereitos constitucionais, e non os monos, que entre en xeral parecen contentos. De feito, ata gozan dalgúns dereitos humanos dos que os humanos non gozamos, como a eutanasia que lle practicaron a Copito de Nieve pero non a Ramón Sampedro, quen o único que logrou foi que lle fixese unha película Amenábar. Queiras que non, os monos van conquerindo un trato mellor nos zoos, mentres que a nós cada vez nos tratan peor nos aeroportos. Desde o 11 de setembro perdemos tantos dereitos civís que se os babuínos empezan agora a gañalos, imos estar empatados máis axiña do que pensa Peter Gabriel. En fin, que eu o único que pido é que, antes de que a mona Chita, Amelio ou Maguila estreen os seus dereitos humanos, se aseguren ben eses dereitos ós propios humanos. Porque, a este paso, imos acabar precisamente como os tres monos que inmortalizou o gran Lladró: sen poder ver nin oír nin falar.