Vigo, hora cero

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

DICIAME onte un amigo que ata os derradeiros cinco minutos o partido non acaba. ¿Cantas veces o Celtiña perdeu a cesta dos ovos no tempo de desconto, ou levantou os tres puntos? E non falemos da vella técnica de parar o reloxo (negociacións do Estatuto de Autonomía) para cerrar, afinar, recompoñer e asinar acordos. A voz popular ten un dito para isto: «Mentres hai vida hai esperanza», que nunca souben se é un berro de consolo ou de desesperación. Todo é posible. Sen embargo, seica terá que ocurrir un milagre para que o BNG e o PsdeG-PSOE atopen unha fórmula en Vigo que permita un goberno de coalición para a cidade. E os milagres nin ocorren tódolos días nin pertencen ao reino da racionalidade (que debería ser o reino da política). Tempo haberá para a reflexión e a análise. Polo de agora, diante da situación viguesa, dúas ideas. Primeira, que os partidos políticos son organizacións estables (ou deben selo) nas que a cidadanía confía a representación e a xestión da súa soberanía a través do exercicio do voto (ou da participacion activa nos mesmos). Aos partidos cómpre, pois, pedir responsabilidades desa xestión porque son eles, non personalidades independientes, por valiosas que estas sexan, quen reciben o mandato constitucional de representarnos. A situación de Vigo (a súa crise) é un problema, xa que logo, das organizacións políticas que a xestionan, á marxe dos nomes e apelidos ou das persoas que en cada momento poidan presentarse. ¿Están as organizacións políticas afectadas (BNG e PsdeG-PSOE) en condicións de ofrecer ao electorado galego unha proposta estable, ilusionante, madura e con credibilidade á xestión do Partido Popular? Non. Aínda que se producise o milagre dos derradeiros quince segundos. Non. Recordaba hai puco Xosé Luís Barreiro entre un grupo de amigos unha vella sentencia paisana que di: «Nunca é tempo perdido o tempo que se perde en afiar a ferramenta». Pois ben, a ferramenta non está abondo afiada, nin disposta, nin en condicións de traballar con pulcritude e eficacia. Segunda idea. Os acordos non se improvisan. Non podemos desdicirnos hoxe do que rotunda e contundentemente afirmabamos onte. Ben sabemos que en política hai exemplos abondo do contrario, pero ao final se pagan. As palabras, en contra do que se di, non as leva o vento, deixan marcas. Descalificacións, arroutadas retóricas, desafogos, cando non insultos, que se deitaron onte contra quen previsiblemente vai ser o teu compañeiro de viaxe son sempre semente de desconfianza e rancor difícil de arrincar. Todo obriga a pensar que tanto uns coma outros van ter por diante tempo sobrado para reflexionar. As experiencias son boas se se sabe tirar lección delas. Volvo á sentencia do meu amigo Xosé Luís: nunca é tempo perdido o que se empregue en afiar a ferramenta, o marco e o discurso axeitados sobre os que construir o futuro de traballo e colaboración. Tamén é certo que hai quen non aprende nunca. O electorado (todos nós) ha dicir no seu momento que opina de todo isto. Xa poden as partes afinar tamén as explicacións