Superposición de imaxes

| MANUEL REGUEIRO |

OPINIÓN

10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

NESTES DÍAS, dentro da manchea de imaxes que se nos están a transmitir, sobresaen especialmente as referidas a Constitución e a súa posta en práctica: os 25 aniversario e a polémica da reforma constitucional, formación do goberno da Generalitat de Cataluña, plan Ibarretxe, etcétera... Estas instantáneas case sempre veñen acompañadas con comentarios sobre a historia do constitucionalismo español, máis concretamente coa Constitución da II República (aprobada polas Cortes o 9 de decembro de 1931), e cunha referencia a precedentes históricos de actuacións. Lembrando aquela época dos anos trinta, un non pode menos que rememorar e superpoñer algunhas imaxes daquel tempo co que hoxe nos toca vivir; en concreto, estoume a referir ós sucesos do último trimestre de 1934 . Dese tempo témo-las instantáneas, ¡tristísimas imaxes!, ademais da chamada revolución de Asturias , tamén se poden rememora-las da detención, encarceramento e condena (a 30 anos) do goberno da Generalitat, que foron despois todos amnistiados polo goberno do Frente Popular. Dous foron os protagonistas directos e destacados daqueles sucesos de outubro do 34 en Cataluña: por un lado, Lluis Companys Jover (fundador de Ezquerra Republicana de Catalunya, naquel intre, Presidente da Generalitat), e por outro lado, Doménech Batet i Mestres (naquelas datas, xeneral xefe da IV División do exército en Barcelona). Recordemos someramente o sucedido : Companys proclama o Estado catalán -dentro da República federal-. Batet, despois da petición do cese das hostilidades por parte de Companys, executando as ordes do Goberno da República (era o xefe de Goberno A. Lerroux) detén e encarcera ó presidente da Generalitat ás 6.30 horas do 9 de outubro. Son especialmente tristes algunhas das palabras ditas por Batet anunciando pola radio a rendición: «Es lastimoso lo ocurrido. Yo lo siento como catalán, primero, y como español, después. En un régimen de democracia, que tiene abierto todos los caminos para todas las aspiraciones que se encuadran en el Derecho, ¿qué necesidad tenían de acudir a la violencia, de traer tan graves trastornos a la región que ellos dicen amar, y que yo amo más que ellos?». Aqueles camiños percorridos e traxicamente interrompidos fannos preguntar hoxe se non somos capaces de buscarlle novas e democráticas saídas, ¿vale a pena insistir de novo naquelas solucións?