¿Recuerdas?

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O INICIO dun poema entusiasta de Ángel González: «Ha llegado el momento de la nostalgia. ¿Recuerdas...?» A mediados de decembro, incluso antes, aparece a melancolía en medio do turrón, nas bonecas que camiñan descalzas a un portal de Belén, no calvo da lotería que non lle gusta a Ramón Pernas, o santo de Concha (meu amor), as luces de cores nos escaparates, o alumeado que nos desexa feliz dous mil catro, o anuncio de Freixenet, os vilancicos con peixes que nadan no río e moito ande ande ande, que es la nochebuena. Vén a melancolía a bicar con algodón o negro dos nosos zapatos. A melancolía como unha canción protesta que afirma que non nos moverán, eles. En medio da melancolía un regresa á infancia. Cando aínda había árbores vellas, e carapelas de xelo nas charcas, e un rostro que adiviñar oculto tras unhas cortinas, mirándote. O chocolate metido entre o pan, o balón sen reglamento, o Celtas sen filtro, os consellos de Elena Francis e do párroco repetindo que non pecásemos contra o Sexto, ¡ai! Esta mañá veñen todos a bicar este residuo que escribe: o turrón, as bonecas, o calvo que antes era gordo, o rostro oculto tralas cortinas, a vida. Ha llegado el momento de la nostalgia. ¿Recuerdas?