A CONSTITUCIÓN actual dista de ser ideal pero tal cousa tampouco existe. Ten os defectos da transición á democracia dende un franquismo que foi radicalmente rupturista coas tradicións democráticas e plurinacionais hispanas e que tivo corenta anos para deformar a historia despois dunha guerra. Tamén conta coas virtudes dunha época na que muitos renunciaron a muito para avanzar sobre o medo a volver atrás. Que pouco son aínda vintecinco anos. A Segunda República tivo que facelo todo en cinco anos e aos vintecinco anos do inicio da Restauración, en 1900, aquel sistema estaba empezando a dar algúns dos seus millores froitos, antes de apodrecer na súa propia rixidez no mundo de entreguerras, corenta e cinco anos despois de ter iniciado a súa andadura. Vintecinco anos tamén son muitos e Manuel Fraga sábeo millor que José María Aznar. Un dos peores defectos da Constitución actual foi a asunción vergonzante do estado das autonomías e a sanción da sagrada unidade franquista, aínda que chamándolle nacionalidades ás tres comunidades cidadáns que querían e quixeran (chamóuselles históricas aludindo á súa vontade autonómica na República) ser nacións. Foi o paso adiante posible daquela. Por iso non se entende que ningún deputado do BNG asistise o sábado ó acto do Congreso, cando si estiveron PNV e CiU. Defrauda a mensaxe da homologación suxerida pois non é a da hexemonía senón a da minoría. Luxo que se poden permitir os que como EA e ERC teñen que diferenciarse da outra forza, maioritaria, que representa ós seus respectivos nacionalismos. Tampouco puido esta constitución incorporar case nada da tradición republicana, dos seus valores ou dos seus símbolos. O himno de Riego tamén é un himno español, aínda que non é hoxe o himno español érao dos liberais antes de selo dos republicanos, mal que lle pese a ese secretario de Estado de Deporte que saltou como unha fera, para pasmo dos cidadáns das nosas antípodas, manipulando a ignorancia duns tenistas aos que polo que se ve esta democracia non informou do noso pasado. Nótase o troquelado do Movimiento. Que decir por último da inxusta e franquista actitude do Partido Popular criticando a homenaxe que rendeu o Congreso ás víctimas do franquismo. Folgan os comentarios supostamente xustificativos, como sempre sen complexos, de Luis de Grandes, que non fixo honor á etimoloxía do seu apelido. Fixo un esforzo notable a dereita cando recoñeceu que o franquismo fóra unda dictadura rexeitable pero de aí a aceptar que Quico Sabaté, Bóveda ou Foucellas non foran foraxidos aínda hai un treito que non queren recorrer. Porque lles obrigaría a recoñecer a inxusta morte dos Navarret, Fariña ou Torviso de Ribadeo e de tantas outras vilas galegas onde aínda lles fan homenaxes ós executores. Ou lembrar cara onde ollaban cando enchían de presos San Simón, Camposancos, Celanova e muitos outros cárceres.