Acción de gracias

OPINIÓN

26 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

XA SABEN vostedes a orixe do Día de Acción de Gracias, esa festa que celebran os norteamericanos estes días: no seu primeiro inverno no Novo Mundo, os colonos anglosaxóns morrían coa fame. Estaban xa a piques de perecer cando os indios, compadecidos, ofrecéronlles uns pavos para que fosen tirando. Os brancos recuperáronse, mataron ós indios, quitáronlles as terras e meteron os superviventes en reservas. Pero, e aquí está o importante, tamén decidiron que ían comer pavo todos os anos e lembrarse dos indios e darlles as gracias. E os indios, imitando un pouco ós madrileños castizos, dirían seguramente: «Gracias, las que usted tiene». En fin, que o Día de Acción de Gracias, coa súa hecatombe de pavos, ten a virtude de rememorar tanto o que lles pasou ós brancos como o que lles pasou logo ós indios. Así, millóns de aves caeron estes días baixo os machados dos carniceiros para ser logo metodicamente calcinadas por benintencionadas pero non sempre eficaces amas de casa. É unha tradición, e para os americanos está adornada con todas as rimas da tenrura, pero, vista desde fóra, parece unha tradición que se libra un pouco como unha guerra de exterminio, unha guerra preventiva contra os pavos. Pero hai unha excepción a esta masacre, e disto era do que eu lles quería falar. Todos os anos polo día de Acción de Gracias o presidente de Estados Unidos indulta un pavo. O pavo, denominado «pavo presidencial», sálvase nunha solemne cerimonia na Casa Branca, na que o presidente pronuncia un discurso diante dun grupo de escolares, o pavo marcha para a casa e os nenos aplauden este xesto de compaixón que é, en realidade, un ritual encamiñado a preservar a idea de inocencia. O caso é que este ano andaba eu moi pendente a ver que pasaba co pavo. Considerando como respira Bush ultimamente, temíame que a este non o indultase. Despois de Afganistán, Iraq e Guantánamo, parecíame que o pobre do pavo ía acabar esta vez nunha fonte con patacas. Pero non, Stars ( Estrelas , que é o nome que lle deron, polas estrelas da bandeira americana) librou. Ben por el. E ben tamén por Bush, de quen pensabamos que era un acérrimo partidario da pena de morte e agora vemos que ata para el hai vidas que son sagradas, por exemplo a do pavo presidencial. Por algo se empeza, aínda que sexa pola subespecie das volátiles. De aí ós seres humanos hai un paso. mmurado@yahoo.com