Unha persoa normal

OPINIÓN

FUN Á PERRUQUERÍA un destes días e como había pouca xente, as rapazas que atenden á clientela -a que lava o pelo, a que fai a cera, a manicura, a que varre e recolle a roupa, as perruqueiras- estaban a falar entre elas do tema inevitable: a prometida do príncipe. Nos tres cartos de hora longos que estiven alí non falaron doutra cousa, comentando polo miúdo canto ten saído pola televisión. Nun intre dado, unha delas dixo: «A min gústame porque é unha persoa normal». Outra replicoulle: «Normal, non; normais somos nós. Ela ten unha carreira, sabe idiomas, viaxou moito»... Entón a primeira concluíu: «Menos normal ca nós, pero á fin, normal»... O comentario fíxome gracia porque incide no punto máis debatido da cuestión: ¿Deben as monarquías democratizarse, achegarse á maioría da xente, ou manter un carácter aristocrático e carismático? En principio, parece que hoxe todo o mundo se inclina pola democracia. Nas sociedades democráticas, calquera, en teoría, se ten méritos, pode chegar a ser gobernante do país, por humilde que sexa a súa orixe. En Estados Unidos algunha xente cando nace un neno di: «É un presidente». Supoño que se Hillary Clinton chega á Casa Blanca de novo, empezarase a oír cando naza unha nena: «É unha presidenta». Esa posibilidade de chegar ó máis alto, aínda que só sexa pola vía do casamento, gústalle a moita xente. Pero tamén lle gusta admirar o inalcanzable, o que está por riba das súas posibilidades: sexa rei, estrela de cine ou artista, e xa se trate de situación social, beleza ou talento. A moita xente gústalle a excepcionalidade. A prometida do príncipe é, como ben dicían as rapazas, normal, e iso para uns é un mérito e para outros un defecto. Todos teñen argumentos para defender as súas preferencias. Coido que é un debate irresoluble de momento porque só co tempo poderá verse se son máis beneficiosas para a sociedade e máis perdurables (máis beneficiosas para si mesmas) as monarquías democráticas que as aristocráticas.