Melancolía outonal

OPINIÓN

O OUTONO para os estudiantes significa o comezo das clases, e só nese sentido algúns teñen nostalxia do verán. Para a xente maior trae consigo certa depresión que os psicólogos a relacionan coa falta de luz, co acurtamento dos días, que sen dúbida ten un significado simbólico Cando eu era nova non entendía a melanconía que invadía a miña nai cara ó fin de septembro. «Como se acurtan os días», dicía sempre cun suspiro. Para min os días eran sempre iguais de longos, vintecatro horas repartidas en tarefas ou diversións que se levaban a cabo unhas veces con luz natural e outras con luz artificial. E para algunhas cousas era mellor a escuridade. A directora do colexio maior onde estudiei a carreira en Madrid dicíanos ás estudiantes: «As despedidas, na mazá anterior ó colexio». Trataba de evitar o espectáculo de ducias de parellas abrazándose e bicándose ás portas da residencia, cousa que levantaba certo escándalo naquel barrio tan burgués no que viviamos. Así que todas preferiamos que ás nove e media, que era a hora de cear, e por tanto de despedirse se non queriamos xaxuar, as sombras das noites outonais permitisen despedidas máis garimosas que as que tiñan lugar baixo o sol de maio ou xuño. Despois, e durante moito tempo, os días seguiron a ter vintecatro horas, tan cheos de proxectos, de traballos de todo tipo e tamén de ocios gozosos, que non importaba que estivesen iluminadas pola luz do sol ou pola luz dunha lámpada: eran horas de plenitude vital, dende a mañá á noite, e os días non eran nin curtos nin longos, eran divisións máis ou menos arbitrarias que un podía organizar como máis conviñese. Pero hai xa algúns anos, un día de fins de setembro, que é o do meu aniversario, ollei dende a fiestra do meu despacho os reflexos dun solpor temperán no ceo e, antes de acender a luz do flexo para seguir traballando, pensei cun suspiro: como se acurtan os días... E acordeime de miña nai, e entendín, tan tardiamente, a súa melancolía outonal.