Os bárbaros como solución

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

A RENTES DE TERRA

21 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESPERANDO os bárbaros é unha novela do recente premio Nobel de literatura, J. M. Coetzee, que comprara nos anos oitenta, relín posteriormente e tiña como un tesouro na biblioteca. Nada sabía do autor e posiblemente o comprei polo suxestivo do seu título evocando o coñecido poema de Kavafis. Esta fantástica novela é o relato dun maxistrado pacifista que dirixe un forte, un destacamento nos límites do imperio, no deserto, preto dun lago. A súa vida transcorre como unha ensoñación nun lugar apartado onde non pasa nada. Caza, explora ruínas, contempla as suxestivas e móbiles paisaxes afogueadas por un sol inmenso. Esta placidez é alterada pola chegada dun enviado imperial, un coronel que debe descubrir un inminente ataque dos perigosos bárbaros que habitan tras os lindes imperiais. ¿Existen os bárbaros? Ninguén os ve pero o poder necesita acreditar neles. Así acometen salvaxes torturas contra pobres parias das tribos de pastores ou pescadores. Na atinada consideración que fai o autor sobre a tortura, non só denuncia a crueldade da mesma, senón o seu espantoso absurdo e inoperancia. Non se pode saber a verdade baixo tortura. A dor é a única verdade, o demais é dubidoso. Isto únese á reflexión sobre o compromiso. O coronel non se implica, ten que cumprir o cometido, descubrir o inminente ataque dos bárbaros, manter o poder imperial e xustificar o seu cargo. Cando a literatura é verdadeira acostuma ser intemporal. Esta novela e a súa parábola sobre os bárbaros está de última actualidade. O atentado contra as torres xemelgas de Nova York servíulle a Bush e ós seus como xustificación para buscar bárbaros en Afganistán, aniquilando a pobre xente. Logo valeuse do tirano Sadam e do suposto perigo das «armas de destrucción masiva» para invadir Iraq. ¿Existen as armas? ¿Existen os bárbaros? De non existir, o imperialismo ten que inventalos. Como dicía Kavafis: ¿Que imos facer agora sen bárbaros? A fin de contas, esa xente era unha solución.