¿A UPG apoia a Quintana?

OPINIÓN

ÓPTIMO. Non é unha elección. ¿Qué outra cousa podía facer? A noticia encaixa, mecanicamente, cunha idea preconcebida e facilita unha explicación esperada e habitual: o maior partido do BNG impón un candidato e gaña, ou algo do estilo. Máis podería ser ao revés ou polo menos doutro xeito. Sabendo cal será a explicación da maioría da opinión diante desta nova, esta declaración de apoio ao candidato previsto e que parece contar con máis posibilidades, permítelle á UPG aparecer como gañadora, cara dentro e cara fora, sen o desgaste de enfrontar unha alternativa propia cun candidato de seu. Nunca o fixo, abonda con este xesto, favorecido polo discurso externo previsto do seu control sobre o BNG. Xa se sabe que a política e, en boa medida, representación. A evidente intelixencia desta solución empeza a ser ineficaz, por previsible e por inevitable. No actual proceso de renovación do BNG, no que todo está aberto, non pode deixar de parecer anómalo que a organización que máis contribuiu á construcción do Bloque e que pasa por ser a máis importante do nacionalismo, non aporte un candidato propio. O máis significativo deste apoio son algunhas das razóns feitas públicas. Por exemplo, a capacidade de integración que se lle atribúe a Quintana; tendo en conta que o outro candidato declara non estar interesado en estar na executiva, deixando a cortiña da organización a quen xa a labra. Semella obvio que o candidato que gañe o proceso democrático de elección será, por definición, o máis integrador. Aínda por riba, aquilo da traxectoria, pois iso de preferir un candidato que sempre estivera no BNG, converte nunha especie de apestado ou de inmigrante non integrado ao outro candidato, de xeito que o brillante eurodeputado do nacionalismo que é Camilo Nogueira ve inxustamente devaluado o seu valor. Cainismo político chamábaselle a iso antes. Ineficacia política podemos chamarlle hoxe a actitudes tan pouco eficientes en favor dun proxecto común. Estas descalificacións -cruzadas, por certo- pouco benefician ao Bloque, calquera que sexa o elixido. A UPG, para facer efectiva a súa capacidade de dominino simbólico sobre o conxunto do BNG, ten que correr o risco nesta ocasión de presentarse como repartidora de patentes, unha especie de AENOR que acredita executorias. Cuestiónase así publicamente, e esta é a novidade, a lóxica na que se sustenta o BNG como unha fronte que integra a todo o nacionalismo e que aínda aspira a ampliarse muito máis socialmente. Cuestiona tamén a lóxica do propio proceso de elección deseñado pola frente, exemplar e infrecuente por outra parte, pois pódese entender que a disposición da UPG para apoiar efectivamente ao candidato elixido dependería do resultado e só se garantiría nun dos casos. E de guinda, contradicindo máis dun ano de colección de prensa, Beiras é colmado de parabéns.