Do século XX cos ollos dun octoxenario no XXI

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

28 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE hai moitos doctores con honores causa e sen eles; a formación dos homes, en xeral, xamáis soupo tanto do que hai e do que houbo, mais con tanta velocidade no saber pasan por riba de adverter se a nosa mente pode dar fe do finito e do infinito. E así bótase de menos que, tan preocupados por un presente cheo de estadísticas, falle, en xeral, preocupación por marxinar o futuro que imos deixar. Ademáis dos problemas domésticos das nosas vidas cos traballos que nos manteñen, hai outros a nivel mundial que nos condicionan. Eu mesmo houbese tido outra profesión se non fora pola desfeita do ano 36. Mais eses acontecementos estaban condicionados á súa vez polas ideas que se debatían no mundo, e non era só o novo que lle custa traballo nascer e o vello que non quere morrer. O pulo da ciencia, a revolución industrial que non logrou cambear a explotación do home polo home, a reacción social contra esa explotación, e a arte e as letras, que como sempre, ían a intervir axudando e deixando testemuña, non como acontece hoxe que distraídas polo bo trato dos poderosos, fican, en xeral, cantando á violeta mirando para outro lado. Así no principio do século XX foi nascendo a reacción contra as academias e a sociedade burguesa representada nelas, e non só contra as academias de Arte e de Letras. Un mundo en transformación se foi formando e a praxis das ideoloxías que se desenvolveran no século XIX, o anarquismo e o marxismo presidiron as ideas contra a explotación social. Ideas que triunfan en Rusia e o prestixio da súa revolución tivo unha poderosa influencia na intelectualidade do mundo occidental, e despertou a esperanza utópica dun igualitarismo na clase traballadora. As democracias capitalistas debatíanse ente a súa dexeneración e as reclamación da clase obreira, o que no ano 29 faise explosivo. Están a percurar algunha fórmula que non destrúa as bases do mundo capitalista. O tradicionalismo occidental fai agromar nalgúns puntos rexímenes totalitarios que tentando ser equidistantes -só no papel- do capitalismo e do comunismo, como recordando ás vellas corporacións medievaes, formaron rexímenes fascistas e nazis en Italia, Portugal, Alemania e en España, e que o mundo das chamadas democracias occidentais vai a apoiar pola súa postura anticomunista, soño do que só despertará no 1939 cando Churchill ten que tomar as rendas de Inglaterra, o que dou lugar a II Guerra Mundial comenzada coa Guerra Civil española, e aínda que o primum vivere foi desdebuxando todos os idealismos e filosofías, o comunismo ganou terreo logo de tanto horror. As democracias capitalistas tiveron que inventar mil fórmulas pra sobrevivir e finalmente recuperar terreo. Así aparece a sociedade de consumo disposta a satisfacer todos os apetitos humanos, que chegan nos nosos días a drogar a media humanidade pra que non pense e a mistificar a provocación do sexo, e todo é apoiado na virtude do petróleo aínda sabendo que isto vai a rematar mal, cunha cruz na barriga. Quen dominan o panorama viven de mentir e engañarnos como borregos subvencionados. A metade do mundo non sabe como superar a pobreza na terra de cada quen, e os que o saben no queren ensiñárllelo porque non queren competencia e prefiren darlle esmolas...