falar.ben@lavoz.es CANDO un neno colle unha perrencha só hai dúas opcións: a) esperar a que lle pase pronto, b) esperar a que lle pase moi pronto. Porque o que está claro é que acaba pasando. Se en algo se caracterizan estes enfados propios das persoas caprichosas ou dos nenos é que adoitan durar pouco tempo. As perrenchas son sempre pasaxeiras, descoñecen o rancor e habitualmente maniféstanse con choros, berros e outros acenos. Este verán vin rapaces rebozados de area saloucando á beira do mar á vez que daban pequenos saltiños en sinal de protesta porque non os deixaban bañar. Hai unha semana, á porta do colexio, outro cativiño enganchouse á perna da súa nai suplicándolle entre choros que non o deixara abandonado en mans de descoñecidos. Aqueles que viven rodeados de nenos saben que todas estas manifestacións son propias das perrenchas ou rabechas. Estes dous termos galegos están plenamente arraigados na nosa comunidade lingüística. A perrencha ten tanta intensidade que no castelán de Galicia é a forma predominante, ata o punto de desbancar a outros substantivos propiamente casteláns como rabieta ou pataleta . No noso ámbito lingüístico a palabra perrencha é un exemplo máis de interferencia léxica entre galego e castelán. Así son habituais expresións como: El niño cogió una perrencha porque no lo llevé a los columpios ou ¡Hay que ver qué perrenchudo está! No mundo dos adultos, as perrenchas son ás veces sinónimo de 'enfado menor ou breve' ( ¡Non collas unha perrencha polo que che fixo!). Pero os que somos perrenchudos de seu sabemos que non é tan doado. Para que se nos pasen o antes posible só hai unha solución: que nos deixen facer o que queremos.