1963+1=BNG 2003

LOURENZO FERNÁNDEZ

OPINIÓN

08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«VEINTE AÑOS no es nada» pero corenta son moitísimos. O BNG xa cumpliu vinte anos que en realidade son corenta, porque reúne dúas tradicións diferentes do nacionalismo que naceron a comezos dos sesenta. En agosto de 1963 fundouse o PSG en Santiago e menos dun ano despois a UPG, polo medio aparecería máis tarde a Galicia Socialista que despois de ser POG convertiuse en Esquerda Galega. Os principais cadros dirixentes do actual BNG incorporáronse a esas organizacións ao longo da década prodixiosa. A ninguén extrana que hoxe, ao cabo, a palabra de consenso no nacionalismo sexa renovación. Pero a súa polisemia é sempre confusa e encerra as contradiccións propias da situación: renovación xeraciónal, de métodos, de modos, de... Os dirixentes do Bloque non son vellos para este país, o que pasa e que empezaron mui novos na loita antifranquista. A Beiras, por exemplo, quédanlle máis de catro lexislaturas para chegar á idade de Fraga, unha eternidade se acreditaramos en que Galicia hoxe ten presidente pero pouco tempo se se trata de mudarlle a faciana a este país. Beiras pode ser comparado cos galeguistas da República pero apresúranse demais os interesados en facerlle un sitio no Panteón de Bonaval. A renovación no BNG, alén das persoas, tamén se refire á necesidade dunha fusión definitivamente superadora desas correntes nacidas hai cuarenta anos, enguedelladas e desenguedelladas un montón de veces dende aquela e hoxe xa mui misturadas agás, claro, para os interesados en conservar. Unha, a programática, representada polos que se empeñan en dirixirse á sociedade do mesmo xeito que ao interior da organización e a outra, a dos que pensan que o seu reino nunca será deste mundo pero virtuosos do que Berlinguer chamou «culo di ferro» e máis na vella técnica asamblearia de falar cincuenta para decir o mesmo e lograr parecer maioría entre cincocentos. Nada que non ocorra en calquera organización. A elección dun novo líder electoral do Bloque poderá catalizar, ou non, esta necesidade de mudanza que se respira. O que si parece claro é que ese proceso vai dividir inevitablemente a todos os partidos integrados no BNG do mesmo xeito que á súa afiliación non adscrita. E isto por varias razóns. A primeira é que non hai tantas diferencias, pero si intereses, nas solucións propostas para pilotar o BNG. A segunda que os dous candidatos coñecidos, Nogueira e Quintana, representan políticamente o mesmo que Beiras. E que alguén intente demostrar públicamente o contrario. Teñen diferentes traxectorias e experiencias pero ren máis. E o que parece seguro é que a UPG non presentará candidato porque nunca o fixo. A renovación virá de novas formas en novos continentes. De nada valerían vellas formas en novos continentes.