María

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

13 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MAÑÁ, 15 de agosto, mamá María Araceli celebra o santo. O país arderá en viño e gozo. E eu, este neno grande, inmaduro e trasnoitador, pensarei en ti. En ti, mamá, que es todas as Marías. María que coidaba a miña febre e o meu delirio na cama dun hospital con vinte anos. María, que era o amor de Quijano, aínda que el, que perdeu o norte lendo libros, chamáballe Dulcinea. María que me salvou dunha longa noite de inverno un agosto, en Benidorm, a miña holandesa errante, cando entre discos eu xogaba a ser un perdedor, un maldito, algo parecido ao inferno. María que escoitaba clases de literatura mentres os seus ollos azuis miraban na pizarra un verso que non existe: «Yo, que nunca te he tenido, no puedo olvidarte». María que amaba sobre un edredón de flores, suavemente, os dezaoito anos dun poeta aprendiz en todo. María que me acompañaba de conferencia en conferencia mentres a tristeza non me deixaba pensar. Ti, mamá, ti es todas as Marías. E esta vez quixen adiantarme. E quererte un pouco máis do que te quero. A golpes de caricias e lúa, que é como escribo, ben o sabes. Ti, que como Berta es todas as mulleres, saberás comprender todo o que te quero. Feliz día, mamá. María Araceli, meu corazón.