DAS catástrofes gordas, a primeira foi a do Urquiola , a segunda a do Mar Exeo , e na terceira a conciencia do pobo dixo nunca máis pode voltar a pasar esto, non podemos voltar a ser víctimas do trafego bestial do petróleo, e aínda que a todos nos colleu en pelotas, pois se uns estabamos cazando osos nos Cárpatos e outros bolboretas nos Campos Elíseos, o certo é que o que máis ou o que menos andabamos noutras preocupacións ou refrescándonos a vista en belezas naturais ou figuradas. Ninguén sabiamos o que conviña facer con semellante drama que se nos presentou de súpeto, e na confusión uns empezamos a mentir, como se fósemos norteamericanos, ingleses ou seus achegados, e outros nos atacaron pola nosa inopia, porque somos galegos e non nos entendemos... pois se a maioría nos entendésemos, outro galo nos cantaría. Así, botándonos a culpa os uns aos outros, puxémonos nerviosos e deixamos que o barco cargado con 80.000 toneladas de chapapote, nun casco vello e ferido, se fose a partir -como ben sabía o capitán grego- no peor sitio da desestabilizadora alta mar, na peor sima marina a case catro quilómetros de profundidade. Acó si que non teñen disculpa os técnicos que andaban polo medio, que ninguén descoñecía, peor que eles, estas circunstancias. O único positivo para Galiza foi a espontánea protesta colectiva para que nunca máis voltemos a ser víctimas de semellantes negocios e gracias ao volume da protesta os de Madrid dispuxéronse a facer algo, e secundar a reacción inmediata dos mariñeiros e dos voluntarios que se sumaron de todas partes nun xesto solidario. Tamén dese Plan Galicia, aínda que eu creo pouco neses plans mentres non se cumpran, e porque os que os fan refírense sempre a estradas e camiños de ferro de alta velocidade, que se ben son melloras para non desprezar, non son as principais solucións para os problemas de Galiza, pois por eses vieiros fabulosos pódesenos escapar velozmente poboación, e ás veces as mellores, e entrar con présa os especuladores dos nosos recursos, ás veces os peores. Velaí tedes o que pasou coa autoestrada do Atlántico: primeiro foi privada e arruinouse; tivo que collela o Estado e cando ten unha alta rendabilidade a privatizan porque os servidores do gran capital están a facilitarlle boas inversións aos excedentes de renda dos seus amos, que medran en razón xeométrica a medida que aumenta a acumulación do capital, para deixar pequeno o que prevía Carlos Marx. As nosas caixas de aforro fixeron o que poideron por que algo quedara en Galiza e meteron na empresa consorciada Sacyr uns 70 millóns de euros do noso aforro, para conseguir un 2,7% de participación. Nula ren. Voltando ao problema do chapapote, que me recordou o libro exemplar de Xurxo Lobato, fica a preocupación do que se pretende extraer do pecio nunha operación moi arriscada a esa profundidade. Tamén o que vai a arrastrar na economía de Galiza o mal xa xenerado, sen que sobreveña outro máis. Se non se ve esto é que se ve pouco. Claro que os males están anunciados por máis frentes. O desprestixio dos delincuentes que están detrás dos negocios do petróleo; pode que non tarden en chegar a amolarnos a todos.