Símbolos da cultura

| FRAN ALONSO |

OPINIÓN

VIGO SEGREGA unha viva producción cultural que a define como cidade. Sen embargo, un dos seus retos pendentes é o de nuclear todo o capital cultural que supura a súa pel para proxectalo en espacios públicos que se convirtan en símbolos de identidade útiles e rendibles para a urbe. A cultura tamén pode ser social e economicamente rendible, sobre todo se é concibida como un servicio á comunidade. Non hai máis que ver o efecto imán que o Guggenheim tivo sobre Bilbao. Así que parece lóxico que Vigo, ademais de afianzar con profesionalidade o seu tecido cultural, saiba catapultarse a través del, creando escaparates que reflictan e espallen a súa imaxe. As carencias da infraestructura cultural viguesa fixeron que faltasen espacios para convocatoria, espacios onde aglutinar as olladas, espacios para mostrarse. De feito é a única cidade galega que aínda non ten un auditorio público, agora en marcha no edificio Casa Mar. Durante o anterior mandato municipal, inauguráronse tres importantes centros públicos: o Marco (Museo de Arte Contemporánea), o Verbum e o Museo do Mar. A eles uniuse, desde a iniciativa privada, o magnífico Centro Social Caixanova. O Marco, construído a partir da rehabilitación dos antigos xulgados, en pleno centro, é unha obra fundamental para a memoria da cidade e unha oferta cultural de primeira liña. Outra cousa é que consiga converterse nun referente no exterior, dados os seus límites e a dificultade de sobresaír nun tempo en que todas as cidades se dotan de espacios referenciais para a arte contemporánea. O Verbum é un proxecto interesantísimo que, sen embargo, defrauda un pouco ao visitante, tanto polas súas limitacións de contidos como pola súa falta de ambición. O Museo do Mar é, sen dúbida, dos tres novos espacios que Vigo posúe (e á espera, aínda, de se encher de contidos), o que máis pode singularizar a cidade no exterior, o que máis visitantes pode atraer e o máis asentado na tradición viguesa. De aí que resulte imprescindible reforzar esa liña para que a cidade se proxecte culturalmente máis alá dos seus propios límites.