ESTÁ poñéndose de moda falar de xestores municipais. E non é unha moda calquera: ten máis contido do que podería un agardar se pensamos no que acostuma haber detrás, ou dentro, ou á par. Nuns casos pode ser que o alcalde non queira ser tal e bote man do xestor; pero noutros, o único alcalde é o xestor. A cousa pode ser máis grave do que se pensa, se a orixe desta moda, segundo penso, está nos local boss americanos, concepto desenvolvido por certos politólogos USA, que propoñen xestores asépticos e á marxe de ideoloxías. ¿Lembrades aquilo do solpor das ideoloxías? Lembrade, porque os conceptos máis reaccionarios acostuman estar detrás, dentro ou á par desas e doutras propostas. E aquí, por efecto dominó, ou sexa, polo mimetismo parvo de sempre, hai moitos que sendo moi antiamericanos, rematan sendo americanos case de deseño, pero no peor dos sentidos, como é a superficialidade cultural. Porque esta superficialidade é o máis semellante que pode haber á ignorancia.