PREGÚNTAME un amigo se creo na presencia real de Xesús Cristo no pan e o viño eucarístico. « Aseghún », retruqueille. El entendía por tal a presencia física, biolóxica. Linlle este parágrafo do xesuíta Xabier Léon-Dufour: «A miña relación coa eucaristía viuse deformada polos excesos que se cometeron sobre a natureza da transformación do pan e do viño». É moi estraño: en vez de considera-lo misterio da nova presencia eucarística reflexiónase sobre o «cómo» do cambio do pan e do viño no corpo e o sangue de Xesús Cristo. Tal inversión do problema levou a toda clase de interrogantes que demostran que o misterio foi abordado mal. Calquera estudiante sabe que o simbólico non se opón ó real, senón que é a profundidade do real. Xesús emprega a linguaxe simbólica. Non toda linguaxe é descritiva ou informativa, senón que tamén existe a preformativa. Xesús non informa senón que, a partir da experiencia do paterfamilias que principia o xantar partindo o pan, convida a recoñecelo nunha nova presencia.