Democracia municipal

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

18 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O PARTIDO que teña os concellos terá o poder en Galicia. Así ocorre dende que en España se construía o Estado liberal no século XIX, cando os progresistas cimentaban o seu poder en eleccións municipais que axiña os moderados deturpaban. Así o comprenderon tamén os prohomes do franquismo que pilotaron a Transición á democracia e por iso non convocaron eleccións municipais ata dous anos despois (1979) das primeiras xerais, adiando todo o posible a democratización dos concellos porque sabían que no ámbito municipal xogaban a continuidade ou a ruptura real do seu poder. Os homes que xestionaron a Reforma política sabían o que facían con aquela democracia a prazos. As forzas da oposición, en coalición social-comunista -que diría Aznar- ou con intervención do nacionalismo -en Galicia dividido en Unidade Galega e BNPG- só puideron preparar o auténtico cambio despois das primeiras eleccións municipais. Naquel poder municipal asentou o PSOE o seu triunfo de 1982 ¿Como? Demostrando aos cidadáns capacidade para xestionar, inaugurando outra forma de gobernar ou simplemente facendo perder o medo -ese grande axente electoral- ao cambio. Agora, en Galicia, calquera posibilidade de cambio futuro baséase no que fagan BNG e PSOE nas vilas e máis na Deputación da Coruña. Verase se «todos son iguais», como a ciencia da experiencia fai pensar a moitos... ou se co seu goberno alentan un cambio político no país. Forzas poderosas teiman en confirmar o pesimismo e non fai falla ollar ao Madrid de Tamayo, chega con recordar á ultima década en Galicia. Claro que tamén a experiencia nomeou como cacicada hai xa cen anos os fraudes, enganos ou burlas legais aos que algúns alcaldes da vella fornada nos teñen acostumados. Teño a certeza de que o avance da oposición nestas municipais non se debeu a que foran máis de esquerdas ou máis nacionalistas, senón a que ofrecían máis e millor democracia; pois a súa ausencia de tantos concellos é unha conta pendente, tan contradictoria co querido e o aprendido que repugna a moitos votantes. Por iso foi unha festa o cambio na alcaldía de Rois que incluiu o izado da bandeira galega; por iso a oposición púxose de acordo en Sada na noite electoral; seguramente por iso en Ponteareas todos os partidos de alí se empeñaron en derrocar á saga que goberna hai 35 anos; por iso en Teo o actual alcalde só logrou gañar co voto dun independente da esquerda-dependente da dereita e máis os votos da emigración. Por certo, seica foron máis de cincuenta os concellos nos que o PP gañou gracias a este quiñón de votos recén descuberto.