A recuperación do PSOE

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

OS VOTANTES nunca se equivocan -por xunto- se o sistema de garantías da democracia funciona sen perturbacións. Diso, por certo, haberá que empezar a falar sen demora en Galicia, pero agora toca interpretar as secuelas do proceso electoral. Un dos resultados destas eleccións: que os votantes orientáronse en favor dunha maioría alternativa ao PP, abre unha incógnita sobre como se constrúe esa alternativa e quen a liderará, que conduce á cerna das posibilidades reais dun cambio político no país, da man do tándem BNG-PSOE. Nestas eleccións, os socialistas recuperáronse dos seus peores anos, demostrando, por se alguén o dubidaba, que constitúen un partido histórico en Galicia, con mui sólidos alicerces. Pero, vendo o talante co que negocian os gobernos de coalición, está por ver que aprenderan algunha lección nas urnas. Porque outra das conclusións dos comicios é que o PSOE ten que entenderse cun BNG que xa acadou a súa mesma dimensión e que se consolida como unha organización con importantes cotas de poder real. Nada está escrito sobre quen lideraría un goberno alternativo, de non mediar, claro, unha ruptura no nacionalismo. O PSOE demostrou en anos pasados unha enorme resistencia a favorecer unha alterntativa ao PP que non puidera presidir. Ese temor favoreceu indistintamente ao PP e ao BNG. Agora, a súa estratexia negociadora de querer colocar ao BNG como socio subalterno pode dificultar os pactos. Corren así o risco de defraudar a unha franxa dos seus votantes que son agora máis facilmente intercambiables cos do BNG, pero sobre todo a ese sector de electores ao que as mobilizacións contra o Prestige e a guerra moveron da abstención ao voto activo, na esperanza dun cambio político en Galicia. Estes son os únicos que poden garantir cuantitativa e cualitativamente un cambio -tamén de cultura política- na inalterable estructura política galega. Ese sector, desbotada a pesca nos caladoiros da dereita, é o plús para a mudanza. Semella que o PSOE recuperou nestas eleccións máis arrogancia que votos. E iso que ao cabo, as ganancias socialistas redúcense, por estreito marxe, a Vigo, porque en Ferrol contribuiron, co BNG, a ceder o paso á dereita e en Ourense non fixeron ren por substituila. Pola contra, os votantes sinalaron o camiño do tándem, castigando a alcaldes socialistas, como na Coruña ou Betanzos, Vilagarcía ou Muros, que amosaron máis interese en entenderse co PP que co BNG. Todo un sinal.