Gratuidade perigosa

| FABIOLA SOTELO |

OPINIÓN

A CONSELLERÍA de Educación está a piques de publicar unha orde segundo a cal implantará, para o próximo curso 2003-2004, a gratuidade do libro de texto na modalidade de préstamo para o 6º curso de primaria, cun importe de 125 euros por alumno. ¿Por que a asociación de editores, libreiros, distribuidores, escritores e todo o sector do libro estamos totalmente en contra desta forma de gratuidade? As razóns son varias. En primeiro lugar, porque fomenta a desaparición dunha parte da rede de distribución e libreira, desaparecendo así os puntos de comercio cultural con tódolos servicios que prestan ó país. Pero tamén porque vai ocasionar a desaparición de editoriais de mediano e pequeno tamaño, sobre todo editoriais galegas, coa conseguinte perda da edición doutras obras en galego. Esta medida provoca a concentración de editoriais e a reducción da oferta a dous ou tres grandes grupos, desaparecendo as editoriais galegas co coseguinte empobrecemento do país. Non hai que desbotar a contribución desta norma á posible desaparición do galego no ensino, exceptuando as dúas materias obrigatorias. Os lexisladores están obviando que esta é unha comunidade con lingua propia que debe ter un tratamento distinto para protexer a lingua galega no ensino. O sistema supón a baixa capacidade de reacción editorial nas actualizacións dos textos; as poucas vendas anulan o investimento nas actualizacións. É moi probable tamén que se incremente o proceso de fotocopiado ilegal. O modelo que propón a consellería é o de préstamo. Con este sistema, o alumno recibe os libros e, ó final de curso, ten que deixalos para ser utilizados nos seguintes cursos por outros alumnos. ¿Aceptarán os alumnos, e os seus pais, instrumentos de educación probablemente deteriorados e faltos de actualización? O modelo que propoñen os editores, libreiros, distribuidores e autores é o de cheque-libro. Isto é, un documento emitido pola Consellería de Educación que se xestionaría a través das librerías. Con este modelo non se rompe a canle habitual do libro; con isto o alumno ten o libro gratuito, conserva a súa propiedade e garántese a liberdade de texto.