Todos contentos

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

O COMENTARIO máis agudo que oín sobre os resultados destas eleccións foi que pasaba o mesmo que coa estimación que a xente fai da intelixencia propia: todo o mundo está satisfeito coa que ten. No caso da intelixencia, explícase porque é unha facultade que vai ligada á capacidade de análise: canto menos intelixente un é, menos se decata da súa carencia. Só as intelixencias superiores poden ser conscientes das súas limitacións, pero, ó compararse cos máis torpes, fanse tamén conscientes da superioridade intelectual, e por conseguinte síntense satisfeitos. No caso dos dirixentes dos partidos políticos, coido que a valoración positiva que todos eles fan dos resultados das eleccións parece deberse a aquela actitude de obcecación nos propios erros que xa aparece nos nosos clásicos. Nunha famosa redondilla dunha comedia do Século de Ouro recomendábase: «Procure siempre acertarla / el honrado y principal / pero si la acierta mal, / defenderla y no enmendarla» . Rectificar non é fácil: aceptar primeiro que a culpa do que saíu mal é súa e non doutro; e despois recoñecelo en público, e desculparse. E se ten un cargo político, dimitir, verbo que na clase política española só se emprega para referirse ós adversarios. A afirmación de que ninguén é perfecto, e polo tanto é susceptible de erro, non afecta ós políticos que, contra toda evidencia, continúan dicindo branco onde os máis vemos negro. Esta contumacia pódese deber á falta de intelixencia, ou á egolatría, ó convencemento patolóxico de que non se poden equivocar. Ou pode ser hipocrisía e falsedade. En calquera caso, non son cualidades que fagan a quen as ostenta candidato idóneo para o goberno de concellos, comunidades ou países. Pregúntome qué pasaría se os políticos, á vista dos resultados, admitisen que teñen que revisar as súas posturas e corrixir os erros que os levaron a perder electores ou concellos, ou a quedar moi por baixo das expectativas. Poderían probar porque polo menos gañarían credibilidade.