APROVEITO o tempo de enquisas para facer unha rápida entre as amigas. A maioría coincide en pedir o mesmo de cara ó futuro. Sacados os desexos de saúde, case todas se conforman co mesmo: atopar un choio. Se non estivesemos en tempos de eleccións, pensaría que a resposta dalgunha delas é ben ambigua porque os choios escasean a tódolos niveis. Por choio entendemos os galegos, dun modo xenérico, calquera 'traballo, actividade, ocupación dunha persoa'. Son habituais expresións do tipo: A penas teño choio estes días (referido á 'cantidade ou volume de traballo'); Vou ó choio ('espacio no que se traballa'); Botárono do choio ('posto de traballo'). Os castelanfalantes de Galicia empregan comunmente este termo co mesmo significado, e hai quen se atreve a escribilo e pronuncialo como castelán ( Vengo del chollo; Hoy tengo mucho chollo...) , cando esta lingua, a diferencia do galego, descoñece esta acepción. En consecuencia, o uso da forma chollo con este significado é resultado dunha interferencia coa palabra galega choio. O mesmo sucede co verbo choiar (en galego, 'traballar, realizar calquera traballo'), que non existe no castelán (*chollar).