Eso da liberdade

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

27 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NOS TEMPOS que xa pasaron defendiamos a liberdade contra os que nos prohibían manifestar as nosas ideas. Hoxe nos deixan manifestalas porque outros máis despertos que nós apropiáronse da palabra liberdade pra facer negocios nos que xogan con vantaxe os que teñen máis poder económico. Non é só esta interpretación das palabras nas que temos caído como pardaes. Hai poucos días estiven na presentación dun libro de Mohamed Safa: Palestina, un grito por la libertad . Mohamed Safa fíxose médico en Compostela, onde foi delegado da OLP, e hoxe exerce a medicina en Cee. É un home dunha peza, ben preparado que coñece a historia do seu povo, ao que non está disposto a renunciar, que defende con vehemencia e con coñecemento de causa. Dixo cousas importantes: as raíces das tres relixións instaladas no territorio palestino de Xerusalén; tamén o engaño sistemático ao que se somete a este povo ofrecéndolle a solución do seu problema hacia o final de cada unha das guerras do Oriente Medio, polo que non se debe facer caso das promesas que lle fan agora. Non hai povo no mundo, dixo, ao que lle teñan feito tantas promesas incumplidas como ao povo palestino... (Alguén que o estaba escoitando alzou a voz e dixo «A nós, por exemplo»). O povo palestino é digno de millor sorte mais non en función de que lle dean máis liberdade, senón de que lle recoñezan os seus dereitos históricos pra que se goberne como queira. Polo de agora a liberdade é un patrimonio dos que se fixeron co poder nos EE. UU. pra facer co mundo que lles convén, pois os seus asesores ideolóxicos pensan que só lles corresponde a eles o poder impoñer un orde no mundo cunha autoridade centralizada. Esta é a súa lectura da liberdade e da democracia. Esta é a globalización da que tanto falan. Cando a eles e aos seus lacaios non lles gostan as ideas de outros fan unha lei ou un decreto prohibíndoas, como en todo totalitarismo. Todo esto é ben distinto ao povo norteamericano que admiramos, ese que, ante as atrocidades que fai o seu goberno, di: «Non no noso nome». Os máis sabios destes están vendo que eso da democracia desvalorizouse e ven actitudes neofascistas nesa andrómena de asoballar a todo o mundo e a todo sistema legal que se opoña á súa pretensión. Parece que se está estudiando a historia de dous científicos -os dous Nobel- que tiñan moi avanzada a posibilidade de construír a bomba atómica. A historia sitúase no Copenhague do ano 41 baixo ocupación alemana. Pero un desentendemento persoal ou ideolóxico separounos dende ese momento para sempre e a bomba atómica alemana frustrouse. Se a chegara a ter Hitler non dubidaría en empregala sobre Inglaterra, e quen sabe se coa axuda do Xapón sometería a boa parte do mundo operativo. Se EE. UU. intentara facer algo semellante se atoparía con que hoxe hai no mundo máis armas nucleares que as súas e só conseguiría rebentar a terra. Quédalle só roubar petróleo e outros recursos alleos e destruir a historia da humanidade porque eso lle importa un beldro. Impoñer un totalitarismo no mundo de hoxe vai ser difícil. Poden, sí, masacrar a indefensos como Palestina e como Iraq, co noso silenzo cómplice.