falar.ben@lavoz.es «Toliña por Beckham». Así podería resumirse cómo quedei tralo final do partido Manchester-Real Madrid. Había anos que non gozaba tanto coa segunda parte dun partido de fútbol, afeita xa a esta apatía á que me tiña sumida este deporte. Dende pequena que non sorría tanto ante a imaxe dun futbolista. Os meus recordos máis gratos están relacionados coas postaliñas que meu irmán e mais eu sabiamos de memoria, horas e horas de xogo ininterrompido (Quini: 32 anos, 35 veces internacional, 8 goles coa selección, peso, altura...; Arconada, López Ufarte, Satrústegui, Maceda, Santillana, Juanito, Tarzán Migueli...). Esa é a miña época dourada do fútbol, ó mesmo tempo que no colexio as nenas empezabamos a furar, a canear e a xogar rebumbios. Este termo, rebumbio, ten o significado de 'conxunto de persoas, animais ou cousas mesturadas sen orde nin concerto'. De aí que se aplicase no patio do recreo a aquela algarabía de rapaces que corriamos detrás do balón, sen máis obxectivo que meter gol ó único porteiro que había. Todos contra todos, sen regras, sen árbitro, sen equipo. Pero rebumbio pódese aplicar tamén ó 'ruído, confusión, etcétera, que un grupo de persoas arman ou forman, sen que haxa, en aparencia, orde ou concerto'. Con este sentido é sinónimo de barullo, bulla, alboroto.... (Á saída do partido, os afeccionados montaron un rebumbio). Curiosamente, esta é a única acepción que coñece o castelán. O idolatrado Beckham, apoteose do fútbol, a piques de fichar polo Real Madrid, está a orixinar o último rebumbio da información deportiva. Toliña por ti, Beckham.