Telenoxo

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

falar.ben@lavoz.es LEMBRO, como non, a primeira vez. Hai cinco anos, en outubro. Regresaba dunha estadía en México e pola noite acendina. Por vez primeira Sardá sorría o outro lado da televisión. Crónicas levaba unhas semanas en pantalla e pareceume marabilloso. Comparei, entón, co que viña de ver ó outro lado do océano. Alí a programación xiraba ó redor dos realities como o de Ciudad desnuda, no que os titulares semellaban aquel chiste de J. Luis Coll: «Cae dende un oitavo piso e case non se mata». Cinco anos despois sigo pecando cada noite. Mentres a maioría ve o documental da dúas, eu as dúas da mañá aínda non sei se soño ou non, porque nese espectáculo se ve de todo. Para sorte duns, e para desgracia doutros, Crónicas marcianas converteuse no paradigma do que en galego se denomina telenoxo ou telelixo. Estas dúas formas son neoloxismos creados a partir da palabra inglesa teletrash , que en castelán calcouse en tele basura, e en galego ten a súa equivalencia máis próxima en tele lixo. Ademais do significado de 'inmundicia, refugallos, especialmente os que van mesturados con residuos da cociña', lixo úsase figuradamente co sentido de 'o que é repugnante ou desprezable', de aí a súa adaptación en telelixo. Este neoloxismo callou con bastante éxito na lingua portuguesa, a diferencia de telenoxo, forma que, se ben aparece nalgún medio de comunicación galego, faino esporadicamente. O significado é semellante nos dous casos, pois noxo é 'aquilo que repugna, dá fasquía ou aborrece'. A lingua, como a televisión, ás veces é cuestión de gustos. De audiencia.