O OPTIMISMO non ocupa lugar e sen embargo vaise abrindo un grande espazo para el, sostido na amplitude do movemento a favor da paz que pode en xustiza chamarse histórico. Nunca antes houbera unha guerra coma esta pero tampouco nunca antes houbera un movemento mundial a favor da paz coma este. Á presión das opinións públicas está obrigando xa a moitas rectificacións: en España, onde do entusiasmo azoriano pola liberación militar do Iraq reconduciuse cara unha colaboración que se di estrictamente humanitaria porque xa avergoña outra posibilidade; no Reino Unido, onde Blair intenta rectificar o automantismo da sólida alianza transatlántica que presidiu todo o século XX e que de certo estase a resentir tanto que pode obrigar a ollar máis aos irmáns da Europa que aos curmáns americanos; mesmo nos Estados Unidos, onde a opinón pública xa demostrou historicamente que non se deixa enganar permanentemente. Se este camiño se define, gañarán a paz e máis Europa. Pese a que a situación só aporta pesimismo aínda hai lugar para pensar que os gobernos non poderán resistir a chamada da civilización. E engánanse os dirixentes ou os políticos profesionais, sexan do goberno ou da oposición, que pensen que este amplo movemento pola paz puido erguerse instrumentalizado por eles. Seguro que terá consecuencias electorais, e iso parece o único que lles preocupa a uns e a outros, pero ningunha forza política ou sindical foi quen de darlle a dimensión cidadán que ten (e non diría o mesmo das súas capacidades para derribalo). O relevante é que responde a unha conxuntura histórica e civilizatoria moi complexa e moi nova; funciona de abaixo arriba impulsado polas memorias colectivas dos europeos que sufriron a guerra, polos intelectuais da cáscara amarga, os ámbitos educativos, os medios de comunicación, mesmo as igrexas, moito máis que os partidos. Responde a un estado de civilización e sobre todo a unha capacidade cidadá, polo que se ve bastante universal, para responder en contra dese paso atrás da civilización que é esta guerra. Non colaron os argumentos, ¡inténteno outravolta!