Viguismo

FRAN ALONSO

OPINIÓN

A PRESENCIA de dúas candidaturas independentes que pretenden abrirse paso nas próximas eleccións municipais volve a poñer de actualidade o viguismo como ideoloxía. En todo caso, o viguismo é unha baza difícil nunha cidade que responde socioloxicamente á estructura dunha confederación de barrios e parroquias. Aínda que tamén é certo que o viguismo é unha baza fácil nunha cidade anoréxica que con frecuencia se ve no espello moito máis delgada do que realmente é. O que está claro é que o viguismo que representan as candidaturas independentes (a de Manoel Soto e a de Maite Fernández) é un viguismo populista, de quen busca un oco electoral logo de abandonar os seus respectivos partidos de ámbito estatal (o PSOE e o PP). Tradicionalmente o viguismo simbolizouno a figura de Leri. Para a miña xeración, Leri era aquel home de malas pulgas que nos amonestaba cando xogabamos libertinamente nos campos de fútbol da praia do Vao. Logo, Siniestro Total, en beneficio de todos, elevou a Leri á categoría de mito na movida punkgalaica. Pero Leri, que agora está a recibir ben merecidas homenaxes pola súa dedicación a Vigo, foi con frecuencia unha persoa polémica e o seu viguismo exacerbado case nunca foi asumido pola cidadanía, aínda que esa mesma cidadanía lle recoñeza a súa honradez e a súa entrega á cidade e ao ben común. Sen dúbida, o que a cidade necesita hoxe é un viguismo racional e vertebrador, convincente, con capacidade de liderato en toda Galicia, e tamén un viguismo pragmático, eficaz á hora de dotar a cidade de infraestructuras viarias, culturais e industrais, sen esquecer un certo orgullo de cidade. O demais achégase demasiado á demagoxia populista. Vigo, desde logo, non é o centro do mundo, nin sequera o centro de Galicia, pero a súa vocación de liderato, a súa apaixonada, dinámica e participativa sociedade civil (cunha capacidade de mobilización que moi poucas cidades aguantarían), o seu intenso movemento veciñal e a forza do seu asociacionismo fan dela unha das urbes máis vivas de toda Europa e obrigan a que sexa gobernada permanentemente desde o pacto social. Aí reside a auténtica grandeza desta cidade.