NON ME REFIRO ás costas galegas, senón ás costas femininas que apareceron nun anuncio de Turespaña e que están provocando certa controversia. Vense nel as costas morenas dunha muller e parte do cu, no que se aprecia a marca clara que deixou unha tanga. O eslogan di Spain Marks , ou sexa, España marca ou España deixa sinal . Tanto o Instituto Catalán da Dona como o Observatorio das Mulleres dos Medios de Comunicación denunciaron o anuncio por sexista, á denuncia sumouse o PSOE e xuntos conseguiron que o cartel fose retirado da circulación. Á súa vez, a retirada provocou comentarios críticos dalgún comentarista social como Vicente Verdú, que opina que non hai máis sexismo no cartel que nos moitos de nus masculinos que vemos de cotío na televisión e nos carteis publicitarios e contra os que ninguén protesta. E pregúntase se o que queren as feministas é que nos anuncios con nus aparezan só homes ou que se supriman tódolos anuncios con nus. A min o que me parece preocupante é a esaxerada utilización publicitaria do espido, sexa de homes ou de mulleres. Para atraer a atención do público sobre calquera cousa utilízase un espido, aínda que non teña nada que ver co obxecto anunciado. Cando se trataba só de corpos de muller podíase falar de discriminación; agora o problema é outro, pero o fondo é o mesmo: trátase da falta de respeto ante o corpo humano, da manipulación mercantilista da beleza, da degradación dos valores estéticos para poñelos ó servicio de intereses de mercado. ¿Recordan aquelas campañas publicitarias nas que se vía a un moribundo de sida ou a presos condenados a morte? E todo era para vender camisetas. Isto non se debe facer. Hai que respetar a dignidade da morte, da enfermidade, do dolor humano e tamén da intimidade e da beleza dun corpo espido, sexa de home ou de muller. E xa falando do anuncio de Turespaña, paréceme que seguir anunciando sol a estas alturas non é sexista, é triste.