A contracorrente das luces

CAMILO FRANCO

OPINIÓN

21 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

FRANCISCO TAXES gustaba máis do ruído das tabernas que do silencio do teatro. Non era pose, nin ser alternativo nin tampouco falta de respeto coa academia. Era o seu ser natural: vivir nese ritmo no que se escoita á xente rexoubar o pé dunha barra que se chama retranca. Gustaba de ser espectador do espectáculo cotidiano, acompañado incorrectamente polo cigarrillo, sorprendido por cantas cousas pasan na vida de diario que ninguén quería contar. Nacido en Camariñas, a querencia polo común serviulle para escribir unha das obras máis aplaudidas e máis lembradas do teatro galego. O velorio dixo adeus ó costumismo, a certa forma incauta de politizar a escea, a un teatro que, en moitos sentidos, tiña esquecido ós espectadores. O velorio saudou á diversión. Como dixo Taxes, «escribín a obra para aqueles que non ían ó teatro». Sorpresivamente, a xente acudiu ó reclamo da ironía e da risa e Paco Taxes tivo a inesperada ración de éxito. Con el un tópico sobre a súa escritura popular que quixo desmentir mentres escribía Lenta raigame . Máis lírica, máis densa, máis intensa. Pero quedou no papel dos libros. Esa mesma sombra tivo O velorio , ata que a Biblioteca 120 o editou por primeira vez, 25 anos despois de triunfar sobre as táboas. Taxes foi guionista de iniciáticas curtametraxes do tamén incipiente cine galego. Como foi colaborador de La Voz de Galicia ou de Radio Nacional, con esa naturalidade de se fixar nas cousas comúns, nas importantes, polo tanto. Paco Taxes sostiña non militar en nada, nin no teatro, nin no cine, nin na literatura. Quizais foi a contracorrente, pero non por levar a contraria, senón porque a el lle gustaba a vida así: tomando algo mentres pensaba. Tiña afección a desaparecer cando as cousas comezaban a mellorar, por pouco que fose. E desaparece agora, xusto antes de que o Centro Dramático Galego volva a estrear O velorio .