MADRID, ou por millor dicir, Aznar e o aparato central do PP. Nin as institucións propias: Parlamento galego e Xunta, nin os líderes que gañan as eleccións en Galicia, nin Fraga, nin os seus conselleiros, amosaron capacidade de mando nos últimos tempos. Desde o 13 de novembro estanse revelando muitas evidencias que lograran manter semiocultas muitas deficiencias no funcionamento do sistema político galego, por mor da ideoloxía neocentralista de Aznar e pola subordinación suicida que esixe dos dirixentes autonómicos. A sucesión dos acontecementos que empezaron cun accidente convencional e acabaron, polo de agora, coa defenestración de Cuiña, estivo máis marcada pola ideoloxía españolista que pola política democrática. O empeño en dirixir a crise como un asunto estatal non se compadece coa realidade constitucional do Estado autonómico. A xestión lonxana foi ineficiente e estivo na base dos erros que provocaron a catástrofe. Pero o aparato central do PP segue avanzando polo mesmo carreiro. O último episodio, a substitución de Cuiña, está presidida pola mesma lóxica e seguramente convertirase no erro determinante para que o PP galego perda a súa lexitimidade. Porque erosiona ao partido e réstalle a credibilidade que lle deran as urnas. Pode que os que, como gobernantes, permitiron docilmente a súa suplantación na xestión do asunto do P restige , garantan a mesma subordinación neste asunto. Pero iso será a fin desa ilusión tan ben labrada na última década por Fraga, a de que a política galega, mesmo a do PP, facíase en Galicia. Non o era pero o parecía. Agora a realidade fica tristemente espida. Acabouse a sensación de que aquí non pasa nunca nada. Pasou o que pasou, como dixera no seu día Iglesias Corral, pero seguramente pasou muito máis que daquela. ¿Como van xestionar que o postcuiñismo preceda ao postfraguismo?