MÁIS dunha vez teño falado e escrito sobre o problema moral que presenta a publicación de epistolarios íntimos de escritores, textos que foron escritos só para os ollos dunha persoa determinada. A publicación do primeiro volumen do Epistolario de Valera, que contén cartas moi personais, nas que conta episodios da súa vida íntima, trae de novo a actualidade este problema nunca ben resolto. Moitos colegas escritores consideran estas publicacións póstumas como unha violación da intimidade do autor, sobre todo cando desa publicación se deriva un desdoro da imaxe. Penso en casos como os de Sartre e Simone de Beauvoir. Pero tamén hai que pensar que non está mal saber o que pensaban de verdade xentes que en público ofrecían posturas que servían de exemplo. Ou sexa, ata que punto hai que dar credibilidade a certas actitudes que son desmentidas pola vida privada. Un caso especial paréceme a min o das cartas de Pedro Salinas a Katherine Withmore, a profesora americana de quen se namorou cando estaba xa casado e con fillos. A parte da inevitable curiosidade por coñecer á muller que inspirou os fermosos versos de amor de La voz a tí debida , Razón de amor e Largo lamento , e de acceder a aspectos descoñecidos do autor, as cartas desenrolan unha reflexión interesantísima sobre a problemática amorosa. Son a versión en prosa dos poemas, e nelas atopamos explicadas as mesmas vivencias amorosas dos versos e outras que non aparecen nos poemas, como as que se refiren á súa relación coas dúas mulleres, a legal e a que era para el fonte de inspiración e de felicidade. Para os críticos da obra de Salinas que chegaron no seu día á conclusión de que a amada dos seus versos non tiña existencia real senón que era mental , supoño que as cartas lles axudarán a comprender mellor o tema. Un problema engadido son as familias dos autores, que ven saír á luz asuntos que tamén os afecta a eles. Pero, en fin, os herdeiros de Valera coido que non se verán afectados por unhas deliciosas cartas que lles comentarei o próximo día.