A Biblioteca do Exilio

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

12 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

DOS MÁIS de cen títulos que ten pensado publicar esta editora sobre o exilio literario (dos que ata o momento xa saíron dez volumes) e da manchea de anexos proxectados sobre o exilio en xeral, acaban de saír dous. Os tres últimos do exilio literario que saíron son Niebla de cuernos , de José Herrera Petere (Guadalajara 1909-Ginebra 1977); Eslabón perdido , de Luisa Carnés (Madrid 1905-México 1964); e Teatro ausente (Málaga 1915-vive en Chile e cos seus 88 anos de idade está pensando en voltar a España). «El exilio gallego de la Guerra Civil» Pero o que ten máis interés para nós é este primeiro anexo que corresponde a un estudio exhaustivo, de Carlos Fernández Santander, sobre o exilio galego en xeral. Trátase dun volume de 640 páxinas en cuarto maior, que supón unha boa baza para nós os galegos, pois un estudio semellante deberían telo todas as comunidades, pero non o teñen. Este estudio de Carlos Fernández é o primeiro deste tenor que se publica en España. Mais xa son moitos os congresos e as publicacións que se teñen feito sobre o exilio, referíndose case exclusivamente a estudiar os poetas, os escritores e os artistas, o que ten unha lóxica, pois as artes literarias e plásticas teñen máis poder de comunicación que a obra dos políticos, científicos, empresarios, militares, etcétera. É certo que os exiliados coñecidos polas súas artes plásticas e literarias, ó preferir vivir no exilio que baixo a dictadura de Franco, representaron por elo ter unha conducta política. Políticos como Castelao, que supón o non plus ultra do coñecemento dos nosos dereitos, non tería ese valor recoñecido dende o primeiro momento se ó mesmo tempo non se tratase dun excepcional artista plástico e escritor de obras inmarcesibles. Galiza abandoada durante nove séculos por esa invención nefasta dos carpetovetónicos estivo pasando como un pobo esgotado dominado por un caciquismo inútil, axeonlladado e servil dos intereses dos que mandan en Madrid, como o estamos vendo. Mais penso que o do Prestige e o do Nunca Máis, onde deberiamos estar todos os galegos sen excepcións, e este libro de Carlos Fernández poden dar un campanazo que nos desperte, e empecemos a ter outra consideración no resto da Península, que nos alivie da presión colonizadora que padecemos co silencio dos nosos caciques, pois neste libro de Carlos Fernández rexístrase que os galegos tivemos no exilio dous presidentes do Goberno español, multitude de políticos, militares de alta graduación, científicos, empresarios... E outro libro sobre finanzas O segundo volume dos Anexos da Biblioteca do Exilio titúlase Entre memorias , do que é autor Virgilio Botella Pastor (Alcoy 1906-Gijón 1996). Trátase dun rexistro das finanzas do Goberno republicano español no exilio.