A fungueirazos

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

11 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

AZNAR é home para gobernar a fungueirazos. Ó non dar para político creador, que é visto que non o é, como mellor se sinte é dando fungueirazos: á oposición, ós nacionalistas, ós que non din amén si señor. E ós propios correlixionarios se teñen a ocorrencia de deixar ir a un Parlamento autonómico ó delegado do Goberno para unha simple comisión de investigación. ¿Como o poder central vai ser sometido ó autonómico, din que dixo? ¿Pero que se cren eses coitados do retallo noroeste onde se limpa chapapote coas mans? ¿Que queren investigar se xa todo se investigou, e punto? E veña outro fungueirazo polo lombo. E todos tesos. Coido que Aznar é exemplo ben ilustrativo do que neste país non debe ser un político. Contrario a toda idea de concordia, de equilibrio de intereses, de pacto, de diálogo, os mais altos valores da democracia, el substitúeos polo autoritarismo antipático e as súas consecuencias: alporizamento, visceralidade, enfrontamento, inflexibilidade, escasa humanidade. Un herdo a rexeitar.