Non son cativos

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

ESCRIBE o Eclesiástico : «Deus fai ó pai máis respectable ca ós fillos e afirma a autoridade da nai sobre a prole». Velaí o esquema patriarcal da familia. Outramente sente Xesús de Nazaré realizando unha profecía en acción: toma un neno ou nena, dálle unha aperta e colócao no centro, non coma xoguete, senón coma marxinado social, co significado simbólico que iso comporta (Mc. 9,36). Cando alguén di que os nenos «non deberían medrar» convérteos en obxecto lúdico. Adoitamos chamarlles «cativos» ós nenos coherentes coa idea de catividade ou dependencia da que os facemos víctimas. Necesaria a familia para a socialización da criatura; o labor dos pais é axudar á emancipación e que retorne do seu autoexilio á amizade agradecida deses pais que lles propiciaron unha segunda vida. Xesús non foi un incondicional da familia e os discípulos ás veces tiveron que romper cos parentes. A imaxe idílica da Sagrada Familia habería que relativizala; Lucas conta a pouco exemplar desaparición de Xesús ós 12 anos.