A ESTADÍA de Aznar en Galicia revela que na estela do naufraxio do Prestige hai algo máis que fuel. Hai un Estado privatizado que naufraga cando máis necesario resulta nas súas dúas versións. O central demostrou non ter medios nin disposición e o autonómico subordinouse fielmente á incompetencia allea, desentendéndose incluso do enorme poder simbólico gañado entre os cidadáns. A xente agardaba solucións de Fraga e da Xunta porque é quen llas vende a cotío. ¿Quen os convence agora de que non era competente ou, aínda peor, de que lles vale unha autonomía que se declara incompetente? Movilizándose para que as autoridades -actuando ou dimitindo- asumiran o seu papel, a sociedade civil evidenciou o baleiro do Estado e encheuno: as poboacións costeiras combatendo cos seus medios a ameaza no mar, os científicos galegos emitindo informes que ninguén lles soubo pedir e o resto póndose a limpar. Que a sociedade se anticipou ao Estado xa é un lugar común, pero é hora de recoñecer que esa sociedade xa estaba aí. Unha enganada Galicia oficial parece non comprender que a capacidade de cooperación predomina fronte ao individualismo; que a sociedade galega está máis articulada do que se recoñece e que as formas tradicionais de organización son ás veces máis efectivas que os novos estaribeles. Un mes despois confírmase a fenda entre o Estado e a sociedade no conflicto por Tragsa, á que lle encargan a xestión do choio cando xa está organizado, coas confrarías e os concellos. Nisto hai un novo insulto á sociedade que reacciona amosando o vello pouso dunha economía moral que non descansa só nos valores do mercado e o lucro. Non entenderon que a xente traballa por gañar o futuro, non un salario. ¿Non querían os neoliberais sociedade civil? Velaí a teñen, aínda que non lles guste.