A nosa moura mar

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS

15 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA CAÍDA desgraciada mantívome unha presa de días na clínica do meu amigo o doutor Sixto. (Xisto, e non Sixto, é o que foi este nome nun principio dos moitos lugares de Galiza onde abonda o xisto - esquisto -, que pola deformación do tempo, e quizais influído pola Igrexa veu en chamarse Sixto, coma se dun Papa se tratara. Mais que non tema Agustín que non cambiaremos a denominación pola que todos o coñecemos). Esta desgracia que padeceron os meus ósos impedíronme estar nesa manifestación de Nunca Máis, sobre todo para escoitar a Manuel Rivas na súa excepcional arenga na praza do Obradoiro. Outra cousa non se podía agardar deste intelectual galego que é quen mellor sabe onde teñen que estar as voces trascendentes. Manolo denunciou ao capitalismo delincuente , porque é de aí de onde parten os nosos males e os males que padece hoxe o mundo. Os estudios de Marx sobre o que ía acontecer no mundo coa acumulación capitalista non alcanzaron a prever a onde ía chegar esta bestial acumulación do capital, pois Marx non chegou a coñecer ese valor incitante do petróleo, nin esa mítica tramposa do neoliberalismo implantada polos mesmos beneficiarios dentro dos sistemas democráticos (sen sometelo á consulta do pobo), mítica capaz de arruinar a un dos pobos máis ricos da terra, como era a Arxentina, para se quedar entre outras cousas co seu petróleo. Non é moito o que se vai conseguir a pesar da voz bronca e unánime do pobo, porque cando as cousas establécense como tales, ata a miseria, a inxustiza e o crime, ampáranse de virtudes conservadoras. Ademais, Galiza, para os que detentan o poder na meseta, e os seus representantes, non pasamos de ser unhas aldeas dos reinos de León e de Castela, porque o noso reino nolo arrebatou un rei leonés usurpador, e mentres prevaleza a ignorancia histórica sobre os nosos dereitos naturais pouco imos conseguir. Por outra banda están os intereses dos que mandan no mundo e eses protéxense das catástrofes das que eles son os responsables. Así as costas dos EE.?UU. non admiten estos petroleiros vellos. A única solución lóxica, correcta, que atopei estes días nos papeis é de Antxon Olabe: «Copiar a EE.?UU; blindar as costas a buques basura». Claro que as petroleiras que mandan en todo, tamén no Goberno dos Estados Unidos, non van querer porque elo lles entorpecería o negocio por un tempo. As solucións que propoñen os técnicos e os que mandan parécenme máis ben distraccións do verdadeiro problema: levar os petroleiros lonxe das nosas costas non soluciona o problema, pois aínda que se rompa un petroleiro a 300 millas, as correntes e os ventos por efecto da rotación, en xeral, vai devolvelos a Europa, da que este fisterre é unha especie de rompeolas. Se se administran medidas militares para deter aos petroleiros, algún pode sentirse valente e non facer caso da fragata que lle impide o paso e un capitán de fragata sentíndose patriota ordea afundir ao petroleiro e o chapapote volve á mar.