SABIDO É que Henry Miller, de ascendencia alemana, naceu en New York. Educouse en Brooklyn, e antes de ingresar na Universidade botouse a percorrer o mundo. En París publicou, no 1934, o seu primeiro libro: Trópico de Cáncer . A nós, unha das obras do escritor que máis nos compraceu foi a titulada Lembrar para lembrar . Tratábase dunha colección de traballos que amosaban curiosos aspectos da personalidade do autor: anacos de autobiografía, ensaios sobre arte, sobre lugares, obscenidade na literatura, evocanza de amigos... Todas estas partes formaban un mundo coerente. Un mundo que, non por coñecido, encerraba menos feitos por descubrir. O dun escritor sen imitanza que, malia ó seu individualismo desafiante, influíu nos outros autores. Por exemplo, nos tan diferentes como Lawrence Durrell e os beatniks . Nas páxinas do volume figuraban retratos, escenas nunha sucesión pousona, aínda que ó mesmo tempo lizgaira. De constante brillantez polo lucideiro da prosa. Unha prosa que mantiña de cheo en todo o seu curso unha condición desafiadora. A de amosar, sen acougo, o seu sincero, áspero, testemuño do mundo. Afástannos moitos anos da aparición de Remember to remember e xurde un algo gastada a actualidade do libro. Certas pezas de circunstancias envelleceron. Podería ser, mesmo, que non rexistrasen o pensamento derradeiro do autor. Porén, de todos xeitos, el estaba na rachada autobiografía. Cos anacos cabería recompor unha estraña imaxe total do escritor combatido e combatente. Aí liamos tamén as semblanzas de artistas, Beauford de Laley, Bufano, Ratner. A detida evocanza de lugares memorables. A prosa rebordaba no desexo de transmitir o propio ritmo vital, integrando boa fe e paixón. Asemade, e febre comunicativa, de independencia. Tentaba crebar os atrancos que puidesen afrentar a verdade nas relacións humanas. Miller atopábase presente en cada páxina con vontade de protagonista. Parecíanos que de tódalas súas condicións, a que esplandía mellor na obra era o arrempuxe de ser centro de tódalas vivencias. De se non atobar nunca, senón ofrecerse á contemplación do mundo. Fomos descubrindo, curiosos, as lembranzas que no libro se contaban. Así, aquel encontro con Alfred Perlés. Cando bateu con el na rue Delambre, unha noite de chuvia, encetouse unha amizade. Esta amizade ía embelecer todo o período de estada de Miller en Francia. Nel atopou o amigo que o sostivo en tódolos seus altibaixos. Nembargante, das relacións con personaxes, a que máis nos seduciu foi a que mantivo con Fred. Era este unha persoa da clase que andara a procura, inconscientemente, toda a súa vida. Miller caíra en París desde Brooklyn, Fred desde Viena. Ámbolos dous pasaran pola escola da adversidade. Cando se coñeceron, Fred semellaba ter vivido as nove vidas do gato. Facía o pallaso, mesmo no amor. Podía facer rir a Miller, cando este rebordaba o asaño. Pero ría este aínda máis na presencia de Durrell. Nas páxinas de Lembrar para lembrar desfilaban artistas singulares, afastados do comercio xeral do arte. Pintores contemporáneos polos que sentía entusiasta estimanza. Outras figuras, exaltadas con habelencia dialéctica...