VAISE MELLORANDO. Na Universidade nunca se ouvíu falar tanto en galego coma hoxe. Alternar o uso dos idiomas que se posúen non é cousa esquizoide, de se facer cando a un lle peta. Ser bilingüe desde o berce constitúe unha riqueza mental e sensitiva indevaluable. Carlos V, gran políglota, manifestaba necesitar de todos os idiomas que sabía: o francés -dicía- para falar coas mulleres; o español para falar con Dios; o italiano para falar cos anxos; o inglés para facelo cos paxaros, e o alemán para entenderse cos cabalos que lle trouxeran dalá. Aquela Europa non era tan distinta da de hoxe nesto do plurilingüismo. E o emperador adoitaba dicir que «tanto vale un hombre como lenguas sabe». E ¿o galego? Un tesouro que aloumiñar e compartir a cotío con que nos entenda, para sentir como propia a literatura e cultura lusa e brasileira, para escribiren libros e para falar con nós mesmos e saber de onde vimos, onde estamos e qué somos no ritmo desta sinfonía sempre inacabada que é a vida.