«¡Non vale furar!» e a súa variante «¡No vale furar!» son expresións que de nenos escoitabamos no patio do recreo. O contexto era sempre o mesmo: un partido de fútbol, no que o porteiro advertía con esta frase ós dianteiros. Noutros casos, «¡Non vale furar!» convertíase no pacto previo ó encontro entre os xogadores do partido. O problema era cando alguén incumpría o pacto e lanzaba un furonazo . As consecuencias podían ser terribles. Normalmente o furón era a escusa perfecta para outro tipo de enfrontamento, nada deportivo. Hoxe, os rapaces seguen empregando esta expresión. O verbo galego furar ten o significado de 'penetrar unha cousa noutra ou atravesala', 'penetrar'. De aí que, ante o perigo dun forte balonazo, o porteiro advirta que ¡non vale furar! Este verbo pode utilizarse como sinónimo de afuracar, esburacar, esfuracar, ou esburatar . Isto é, 'facer un ou máis buratos cun obxecto'. Por extensión, furar é 'espetar un obxecto punzante ou arma branca no corpo de alguén', 'cravar'. Pero, ademais, úsase co sentido de 'abrirse camiño' (Furou entre a xente ata chegar onde estabamos). De furar, co significado de 'atravesar' ou 'penetrar', derivouse na fala futbolística furón, que aínda que non aparece nos diccionarios, pode definirse como 'golpe forte dado co balón', 'balonazo'. Son moitas as palabras compostas con furar. Furabolos é como se coñece popularmente ó 'dedo índice'. Furafollas dise daquela persoa que 'non para queda en ningún sitio', e furaolas fai referencia a un 'lacazán', un 'preguiceiro'. falar.ben@lavoz.es