Loapas e loapiñas

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

POR DEBAIXO das anécdotas de que a bandeira se homenaxee todos os mércores ou que mida unhas cantas centiáreas de máis, o que subxace é a categoría de que as forzas centralistas uniformadoras rexorden e tratan de regresar ó pasado. Como a Constitución naceu do consenso de forzas plurais no aspecto territorial, temos que afacernos a que convivan unha tendencia centrífuga, que a forza de reivindicar pode roldar a ruptura, e outra centrípeta que para reafirmar a identidade común quere, ás veces, suprimir as diferencias. Ambas contrapostas e necesarias. Se falta unha, ráchase o equilibrio. No ano 1981, UCD e PSOE pactaron a LOAPA, unha lei que, segundo os seus promotores, pretendía reconducir o desenrolo autonómico e que, para os partidos nacionalistas, era un recorte dos dereitos das nacionalidades históricas. Aínda que o Tribunal Constitucional deixouna sen efecto, o seu espírito segue enfastiando. Agora, un libro, publicado pola fundación que imparte a doutrina do PP, considera rematado o proceso de transferencias ás comunidades autónomas e hai tamén un borrador de lei de Cooperación Autonómica, concibido como lei de punto final do desenrolo autonómico. Outra loapa que está hibernada porque hai un cambio de estratexia. Para conseguir os mesmos fins, o camiño actual é reconducir , loapizar por sectores. Deter as transferencias solicitadas e regresar por sectores. As de calidade do ensino e sanidade, son leis que van impoñendo, ás CC.?AA., determinadas esixencias que rabenan as competencias que teñen outorgadas. Pero están errados os que din que o proceso de descentralización está completo. Non pode haber punto final no desenrolo autonómico, xa que este, como calquera proceso humano ou político, non pode conxelarse, por natureza é dinámico e evolutivo. Esa teima de facer leis permanentes e inmutables, que vén do franquismo, resulta absolutamente incompatible coa vida democrática, que esixe adaptación continua ós degoiros dos individuos e dos grupos.