Os caciques resolven problemas

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

ESO DECLAROU na última campaña electoral un candidato do PP ourensán. Escribíronse milleiros de páxinas sobre a historia do caciquismo en Galicia, como para aceptar que se nos fale do cacique bon. A esencia do clientelismo político resúmese en «apoios (votos pero non só) a cambio de favores»; trátase dunha relación interpersoal, non sometida a regras, que se ramifica en redes de intercambio recíproco e desigual. Sendo incompatible co liberalismo, ao non ser unha relación entre iguais e libres, deuse nos dous últimos séculos en todas as democracias, mudando para manterse operativo, pois o sufraxio universal obriga a ampliar ao máximo as redes. Mais todos sabemos que un réxime é máis democrático cantas menos redes clientelares ocultas funcionen. O anticaciquismo foi un importante argumento de mobilización en Galicia que hoxe está case ausente dos discursos políticos. Aínda así, as frecuentes denuncias de prácticas clientelares e os recoñecementos públicos ás bondades do caciquismo demostran a vixencia desta lacra. As sociedades clientelares son extremadamente imperfectas por dóciles e débiles. Os patróns políticos utilizan os recursos públicos á súa disposición (aínda que son de todos) para gañar e manter clientes. O acceso aos empregos ou aos recursos públicos non se establece por méritos e en igualdade de condicións, senón pola necesidade de pagar favores das redes clientelares que alimentan ao poder con votos. Os favores débense para sempre e son reclamados no momento máis oportuno para o patrón. A rede de dependencias persoais afecta (e beneficia) a todos os que están dispostos a pagar un precio, na medida das súas posibilidades. Os dereitos e as obrigas cívicas esváense para convertírense en obrigas morais persoais. Ben o sabían os vellos petrucios cando decían que ninguén dá nada por nada.