¿Cara onde vai o libro?

OPINIÓN

A EMPRESA Bulgari, especializada en obxectos de regalo e deseño internacional: roupa, busitería, reloxios, etc, anuncia o patrocinio de dous ou tres escritores/escritoras para que nas súas novelas introduzan obxectos da coñecida marca. O protagonista érguese da cama, vístese para sair e axusta diante do espello a garabata de catálogo, ou regala á súa enamorada a xoia da última colección da casa. Poida que nesta próxima edición da feira de Frankfurt, dentro dunhas semanas, nos ofrezan os primeiros resultados. Son os tempos. Que o lector tire as súas propias conclusións. O invento procede do cine. Hai tempo que os productores descubriron que podían abaratar os custos das rodaxes recurrindo a fórmulas de publicidade indirecta que o espectador non sempre percibe, polo menos dun xeito consciente. Na televisión xa non se traballa doutra maneira. Os protagonistas están a conversar nun café. Unha parella de enamorados prepara a lúa de mel. Piden refrescos coñecidos. Visten roupa de marca. Unha axencia de viaxes (aparece o nome cando a van visitar) arranxa os billetes e a viaxe. Automóbiles, inmobiliarias, restaurantes, electrodomésticos.... Na lista final de créditos referéncianse ordenadamente os patrocinadores: perruquería, vestiario, hoteis, concellos, institucións públicas, empresas privadas de todo tipo... A historia segue sendo unha historia, pero con mercadotecnia, márketing, marcas recomendadas. Teño diante de min unha edición de Longa noite de pedra , de Celso Emilio Ferreiro, patrocinada nos primeiros anos 70 por unha zapatería de Oviedo. Na cuarta de cuberta do libro: os zapatos de marca. Non coñezo outro caso na literatura galega. Son relativamente frecuentes os patrocinios de institucións, fundacións e concellos. A principios de século algunhas edicións populares financiáronse así. Pero o de Bulgari vai máis alá. E disque Beneton quere facer o mesmo. Os grandes grupos editoriais, instalados da cultura do consumo, pactan cos axentes literarios e algúns autores/autoras acaban entrando no xogo. ¿Qué está pasando? Parecía que o libro, institución clásica da creación e a comunicación, ficaba fóra do circuito, pero xa nada se libra, polo que se ve. Vivimos tempos de confusión, certamente. ¿É isto a nova literatura? Os editores españois e hispanoamericanos reunímonos esta semana no Liber, en Barcelona, para falar da situación. O libro é un mercado maduro, demasiado maduro tal vez, que toca teito e está a vivir unha profunda crise de identidade. Máis de 60.000 novos títulos producíu o mercado editorial en España o pasado 2001. Aumentan as novidades e redúcense as tiraxes medias: o síntoma da saturación, que se mantén case que dun xeito constante ó longo da última década. O libro galego crece, pero lentamente, segundo os estudios do sector: 1.354 en 2001, fronte a 1.286 o ano anterior. En catalán: 9.045. En eusquera, 1.326. 221 empregos directos en nómina., segundo o Asociación Galega de Editores. 48 colaboradores externos. Arredor de 300 librerías, que seguen a ser a principal rede de distribución da lectura entre nós. Máis de 5.000 títulos vivos nos catálogos. Esta é a nosa realidade. Pero os lectores escasean. A tendencia é universal. En 1975 publicáronse 68 títulos en Galicia. Un crecemento obxectivo. Pero a crise está aí. Unha crise estructural, profunda, que teremos que saber afrontar e que non nos afecta exclusivamente a nós, senón ó libro no seu conxunto, como soporte e como vía de acceso ó coñecemento. Unha crise de identidade, atrévome a dicir, no que o fenómeno-Bulgari é algo más que unha anécdota, é a vertixe dos novos tempos, dende logo non a solución.