Que te dean

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

26 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

«¡QUE TE dean!; ¡Que te esteas callado!; ¡No me deas la lata!». A mestura entre o galego e o castelán non é sempre perceptible para o falante de a pé. As liñas que diferencian unha lingua doutra son, ás veces, borrosas. En termos lingüísticos, fálase de intercambio de códigos (code-switching) cando un falante chega a alternar dúas linguas no discurso ou nun mesmo acto de fala. Frases como as sinaladas son mostra da alternancia de ámbolos dous idiomas. En galego o presente de subxuntivo dos verbos dar e estar correspóndese coas formas: dea, deas, dea...; estea, esteas, estea... (Espero que me dean o traballo; Aínda que esteas ocupado, ben podías facerme caso). Sen embargo, estas formas verbais intercálanse na fala castelá con total naturalidade: «Ya te dije que, aunque me dean las vacaciones, no podremos ir juntos de viaje; Como no esteas en casa a las diez, no vuelves a salir» , no lugar das correctas den, estés, etcétera (... aunque me den; Como no estés...). O emprego en castelán destas formas verbais galegas constitúe mesmo unha característica de determinadas variantes de fala xuvenil, especialmente de grupos urbanos (¡Mira esa ja, como se dea la vuelta, flipas de guapa!) . Estas conxugacións (dean, estea...) , propias do galego, gozan de plena aceptación en moitos castelanfalantes que, lonxe de rexeitalas, as incorporan en ditos, frases e cancións, como aquela que remataba: «[...] Siempre reina el buen humor, no cambiaremos de carácter ningún día, aunque nos dean un millón». falar.ben@lavoz.es