¡GLORIAS, albricias e aleluias! Un instituto catalán recorta cinco minutos cada clase para que os seus alumnos teñan tempo para ler. E len. Viva o tal instituto, viva o mundo das ideas. De contado vou falar con directores varios do mundo docente galego. Por favor, reclamo, poñan en marcha esta iniciativa revolutiva e pragmática e útil e brillantísima. Esta columna é unha oración, un rezo, para que me escoiten. Para que esta esquina da Voz chegue ás súas mans precisamente. Docente, amada ou amado profesor escolástico, apresúrese. Qué son cinco minutos por clase. Qué son cinco minutos para iniciar, por fin, a revolución cultural que este país agarda. Non paro ata que me escoiten. Por fin unha idea vai ter máis valor que todas as fracasadas reformas educativas, que o ensino obrigatorio e secundario, que a universidade decadente e deshumanizada. ¿Qué espera toda España para poñer a andar tan magno argumento? Qué agardamos en Galicia para iniciar a máis barata campaña de animación lectora e, sen dúbida, a máis fértil e real. Conselleiros Currás e Varela reclamo por vez primeira o seu favor. Entusiasta, gozoso, contento estou. Claustros deste país pequeno e verde verdísimo: ¡cinco minutos! Cinco minutos, como rosas. Cinco.