Somos historia

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

CANDO Aznar falou este verán en Menorca co home máis vello de España, o primeiro que lle acordou foi que o ancián tiña sete anos «cuando perdimos Cuba». Semella que, cento catro anos despois, o primeiro ministro de España segue añorando o imperio decadente. Non é unha anécdota. Social e individualmente, os homes e as mulleres somos pasado. A Historia é unha disciplina, unha lóxica e un relato. De todas as súas utilidades, a de servir de mestra de vida no sentido grego segue a ser a máis común. A pregunta de Aznar danos conta da súa rancia visión da Historia española e dalgúns dos parámetros que guían a súa acción política. De cote respóndese a problemas do presente a partir de modelos do pasado ou temores e experiencias pretéritas. Pero ben sabemos que a experiencia non sempre é aproveitada; por iso non é infrecuente repetir erros do antano en vez de aprender deles. A actual escalada de confrontación en Euskadi semella descoñecer a Historia ou ben ser tributaria dos mesmos erros que levaron a «perder Cuba». Foi na Perla do Caribe, na fin do século XIX, onde por primeira vez se quixo ensaiar a fórmula do Estatuto de Autonomía, como solución entre o unitarismo colonial de entón e a independencia; pero fracasou por mor do empecinamento unitarista da dereita máis reaccionaria. Esta nova frustración, despois da aniquilación da posibilidade federal republicana en 1873, tivo unha enorme influencia na conformación do nacionalismo catalán, vasco, galego e canario. A actuación de España en Cuba transmitíu a definitiva desconfianza de que o Estado da Restauración puidese propiciar unha solución plural superadora do unitarismo xacobino con que se construira o Estado español. Aquela experiencia contribuíu, con diferente fortuna, a radicalización das posturas, inicialmente rexionalistas, naqueles territorios.