Dous tiros ó largueiro

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

A EUFORIA futbolística desta semana, exitosa para os equipos galegos, leva a deterse nalgunhas expresións que os comentaristas deportivos repiten nas súas crónicas. Este é o caso da palabra longueiro , que tanto se emprega nas retransmisións de fútbol (Dous tiros ó longueiro; O balón foi directo ó longueiro) . É lóxico pensar que o 'pao superior horizontal da portería' se chame longueiro , porque efectivamente é máis longo cós demais. Sen embargo, en galego a forma correcta é largueiro , non *longueiro (Dous tiros ó largueiro) . Cómpre subliñar, así mesmo, que algúns comentaristas parecen querer impoñer o uso exclusivo da palabra cartón (O árbitro amosoulle o cartón amarelo) . Aínda que a palabra cartón é correcta, con ese significado existen tamén no idioma as formas tarxeta e cartolina (non *cartulina ): O xogador leva dúas tarxetas/cartolinas amarelas. Para frases maxistrais, aquelas do noso querido Arsenio que os deportivistas lembrarán: «Neno, encímale, encímale », «O equipo encimou moito na primeira metade». O verbo encimar non aparece en case ningún diccionario galego, excepto no Xerais 2000 cos significados de 'poñer unha cousa por riba doutra', 'rematar algo', 'recalcar as cousas para que alguén se acorde delas'. Todos entendimos no seu momento con qué significado pronunciaba Arsenio encimar ('presionar'), acepción que recolle o DRAE01 en castelán. De novo, galego e castelán mestúranse no uso cotián. Nas linguas, ás veces, as aparencias son enganosas. falar.ben@lavoz.es