Guerras

| BENXAMÍN CASAL |

OPINIÓN

MOITO CAMBIARON as actitudes fronte ás guerras. Na primeira metade do século XX, calquera goberno daba moitas voltas antes de participar nun conflicto armado. Na guerra civil española, Francia e o Reino Unido negáronse a axudar ó goberno da República. Dende que Hitler comezou a estender os seus dominios polo norte de Europa, os rusos, lonxe de facerlle fronte, pactaron con el. Os ingleses estiveron adiando a súa declaración de guerra, que só chegou cando se viron directamente ameazados, e despois, anque premeron ós EE. UU. para que entrasen na guerra mundial, estes non se decidiron a facelo ata que os xaponeses os atacaron. A España de Franco non foi golpeada polos aliados durante a segunda guerra mundial, malia que fose unha dictadura nacida dunha insurrección antidemocrática e tivera nacido co apoio das potencias do Eixe. Rematada a contenda, os aliados contribuíron a implantar réximes democráticos en Alemaña e Italia, pero non só permitiron que en España seguise o franquismo, senón que en 1952 déronlle o carimbo internacional coa presencia en Madrid de Eisenhower. En principio, o máis axeitado parece intervir militarmente só cando haxa unha agresión certa e comprobada a un réxime democrático legalmente constituído, ós cidadáns dun país ou a unhas leis internacionais universalmente aceptadas. Tan suicida e inmoral pode ser a inacción da que fixeron gala os EE. UU. e o Reino Unido nas primeiras décadas do século XX, como o é agora atacar e destruír un país só polas intencións que se supoñen ós seus dirixentes. Unha boa maneira de avaliar o progreso da humanidade podería ser a de cuantificar os conflictos que se solucionan, sen facer uso da forza, indo ás raíces das inxustizas. Ese foi o camiño que nos trazaron os creadores da Carta das Nacións Unidas.